Métanse nos seus asuntos

Unha pequena pista

A pel dunha muller

O comportamento dunha vaca

A corda frouxa

Quen mira é benvido

¿quere vostede pasar?

No trapecio, baixo as olladas

O meu asunto é o seu asunto

O meu medo é o seu medo a miña nudez é a súa

Un traballo sobre a presenza.

Un só de danza que se move entre a evocación de lugares común e a exposición do privado, considerando a implicación ou desentendemento do que mira ou asiste a un acto público e cuestionando a nosa pasividade ante os acontecementos alleos.

Alguén dirá que de bo agrado se metería nos seus asuntos, pero ¿cales son? Ás veces todo nos concirne, de súpeto, nada nos toca.

O fío condutor é a transformación, dunha muller, dunha presenza, da enerxía, da ollada do que observa. O camaleonismo dunha persoa: segundo se trata, segundo se mira, segundo se mostra, segundo se recorda.

A escena é unha ferramenta de comunicación e o obxectivo é conectar ¿é eficaz o que facemos?

Con poucos recursos interésanos mostrar o aparentemente sinxelo aínda que todo teña unha dobre lectura.

Alexander Calder xogando co seu pequeno circo de arame, o pallaso que intenta subir a unha cadeira, a trapecista de ouro, os cabalos azuis, a cabareteira, unha modelo núa, algunha vaca queda, queda.

As ideas construídas a partir de imaxes, a danza e a presenza a través de emocións e sensacións. O pracer de evocar imaxes que provoquen a emoción do que mira, que sempre é individual e, que se logramos involucralo, participará sendo intérprete das nosas experiencias.

O intento e a repetición do intento. “proba outra vez, fracasa outra vez” como diría o gran Beckett.

Creación: Nuria Sotelo/ Ana Vallés

Dirección: Ana Vallés

Interpretación: Nuria Sotelo